Thursday 28 de March de 2024

O concello irá da man do tecido musical de Riveira á hora de xestionar a sala de ensaio


Despois de que no pasado verán se organizara un curso sobre o uso do local de ensaio de Riveira e tras a adquisición no outono de nova dotación tecnolóxica para equipar adecuadamente esta instalación, o Concello de Riveira vén de dar un paso importante para que a sala situada nos baixos do Auditorio cumpra a súa aspiración de servir de centro de referencia para as bandas do municipio e moi especialmente para os grupos noveis.

Así, a Administración Local decantouse por que á hora da xestión do local se vaia da man do propio tecido musical de Riveira e será Suso Bello, coñecido e polifacético artista local con máis dun cuarto de século de experiencia, quen se ocupe de coordinar o uso da sala entre as bandas do municipio.

Tal e como explicou a edil Elvira Pisos na presentación de hoxe, as súas funcións comprenderán a confección do calendario de utilización (días e horas de ensaio por parte de cada grupo) e a prestación de asesoramento musical e técnico aos usuarios. Sempre, en coordinación coas concellerías de Cultura e de Xuventude.

Fácil e accesible
Suso Bello manifestou ao respecto que a idea é que a sala sexa un lugar fácil e accesible aos rapaces. Para isto, porá toda a súa experiencia a disposición deles á hora de labores como preparar un concerto ou facer un rider… ademais de axudalos a mellorar ensaio a ensaio facendo uso do estudo de gravación de que dispón o local. “Se ti gravas o que ensaias gravas as virtudes pero tamén os defectos, e iso é o que nos vai axudar a dar outro pasiño máis”, declarou.

Bello manifestou que a súa aspiración é que aló polo mes de decembro se poida presentar un disco no que se amosen os froitos do traballado na sala de ensaio durante todos estes meses.

Reservas
Por agora serán sete os grupos que vaian facer uso do local, despois de que hai uns días se sumasen dous máis sobre os cinco que o viñan empregando habitualmente. Para que os interesados poidan formalizar as súas reservas habilitarase un sitio na páxina web do Concello e ademais poderá realizarse en www.lacasitarecords.es.

Os horarios do local de ensaio quixéronse cadrar coas xornadas en que os usuarios teñen maior dispoñibilidade. Concretamente, os venres, de 19 a 20.30 horas; os sábados, de 10 a 14 e de 17 a 21 horas; e os domingos, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.

Dende a Concellería de Xuventude e Cultura se está a ultimar xunto con Suso Bello a redacción das bases e normas de uso deste local de 80 metros cadrados de superficie e que está equipado para poder albergar a bandas de ata 15 compoñentes simultaneamente.